APLICACIÓNS

Edmodo é como a praza da aldea, o lugar onde nos xuntamos todos para compartir e para comunicarnos. É unha rede social educativa que ademais nos permite aos mestres e aos alumnos publicar ligazóns a páxinas interesantes, documentos propios de calquera tipo, etc. Ten un aspecto parecido ao Facebook pero con maior seguridade e control da privacidade.

Se eres nai ou pai esta aplicación vaiche gustar posto que con ela poderás estar ao tanto das actividades máis interesantes que facemos na aula. Ás veces a escola e a familia viven desconectadas e ignoradas. Non comunicamos ben. Aplicacións como Seesaw Class fan que esa distancia non sexa tan grande. Non hai nada máis motivador para un neno que saber que os seus pais observan e aprecian o que el fai na escola.

Educreations é a aplicación ideal para recuperar esa explicación do profe que non entendimos ben ou que non puidemos escoitar por estarmos ausentes aquel día de clase. Como podes repetir o vídeo as veces que queiras seguro que vas poder entender mellor o que debes aprender. En calma, na casa e coas zapatillas postas seguro que vas estar máis concentrado.

Versal é como ter o curso enteiro á túa disposición desde a casa. Esta aplicación é utilizada por moitas persoas para elaborar cursos dixitais en liña pois permite incluír módulos editables de texto, vídeo, imaxe, etc. Tamén é posible incorporar probas, pequenas animacións gráficas e moitísimas máis ideas para facer dos cursos algo visualmente atractivo e útil.

Wizer é a aplicación que vai transformar as famosas fichas de exercicios. Consiste en resolver exercicios sobre calquera tema que o mestre queira de maneira máis divertida e motivadora pois ademais de texto permite engadir vídeo, son, fotografías, etc.

Ademais favorece o feed-back inmediato pois o alumno recibe comentarios do profe acerca de como realizou a tarefa e orientacións prácticas moi valiosas. Unha ferramenta imprescindible que vimos de actualizar á versión premium.

Peergrade é a última incorporación á nosa pista de despegue e ofrece unhas funcionalidades que poden resultar moi interesantes. Trátase dunha ferramenta de coavaliación. Os alumnos terán que completar unha tarefa que pode ser un texto, un vídeo, un audio, etc. e recibirán a valoración de tres compañeiros de forma anónima. Para recibir esa valoración terán que valorar eles antes os traballos entregados por outros compañeiros. Vale para promover destrezas de análise e reflexión. Agardamos sacarlle proveito.

Quizlet é a nosa aplicación preferida para repasar vocabulario e para practicar ortografía. Ofrece diversas modalidades de práctica que axudan a desenvolver a correcta ortografía por medio da memoria visual. Xa que temos a versión premium todos os alumnos poden elaborar os seus propios paquetes de palabras e engadirlles voz e imaxe.

Actively Learn permite convertir calquera páxina de internet ou documento nunha lectura con preguntas de comprensión e análise. Algunhas funcionalidades axudan a comprender o vocabulario. Como as outras aplicacións é interactiva e o alumno recibe información inmediata do mestre que lle axuda a orientarse e a comprobar que está a aprender.

This site was designed with the
.com
website builder. Create your website today.
Start Now