Música

Xunto coa lectura e o cinema máis antigo, a música tamén forma parte das miñas paixóns. Non hai nada como deixarse levar polo ritmo e as palabras. Os meus gustos son variados pois van desde a música clásica ao rock and roll pasando por unha chea de estilos diferentes. Agora ben, se teño que elixir un músico favorito non teño dúbidas pois desde hai 25 anos son un gran fan de Paul Simon. Tiven a sorte de velo en vivo dúas veces na miña vida: en 1991 na Coruña e no 2011 en Milán.

Paul Simon en Milán (xullo do 2011).

Ali Farka Touré

Malí

 

No ano 1994 publicouse un álbum que para moitos pasou desapercibido. Era unha nova colaboración do guitarrista norteamericano Ry Cooder cun músico africano, desta vez o maliense Ali Farka Touré. Este disco é unha delicia. É como beber directamente do río Níxer, empaparse nos ritmos e lendas daquelas terras descoñecidas. O primeiro que un di cando o escoita é: "Isto é blues". E non pode sorprender posto que o que coñecemos como blues é unha mestura de estilos orixinaria da África Occidental, a terra maltratada que deu desde o 1500 milleiros e milleiros de escravos a América.

O álbum Talking Timbuktu gañou o Grammy en 1995. Lembro ter comprado o CD nunha tenda de Viena e hoxe, a pesares de spotifis e mp3, consérvoo como un dos meus tesouros. Ali morreu no ano 2006. Recomendo a todo o mundo vivir a experiencia de escoitar a súa música, con espírito aberto, deixándose contaxiar pola súa maxia.

 

 

Ismaël Lô

Senegal

 

Pois debeu de ser no ano 1995 cando un bo amigo meu me agasallou polo aniversario cun disco que ninguén coñecía. El sabía moi ben dos meus gustos. Os dous estabamos encantados coa voz de Ismaël Lô que daquela empezaba a soar nas emisoras alternativas e de cando en vez liamos no xornal como daban en chamalo "o Bob Dylan de África", seguindo ese vello costume de etiquetar todo o novo que aparece.

Varios anos máis tarde o seu nome pasou a ser moi coñecido en España pola banda sonora da película Todo sobre mi madre, o filme de Pedro Almodóvar (1999). A canción Tajabone escoitábase a cotío e os seus discos máis recentes xa non parecían tan raros. Eu non son deses que quere os tesouros só para un mesmo. Encantado estou de que Lô acadase todo o recoñecemento que merece. Pero acudide aos primeiros traballos onde o son non é tan puro e perfecto pero a música ten a forza da terra.

Aínda que non é o máis representativo, quedo con este video de L'amour a tous les droits.

 

Papa Wemba

República democrática do Congo

 

Tamén foi nos anos 90, embebido eu na música africana, que comecei a escoitar a Papa Wemba, un dos máis destacados artistas do Congo. Eran tempos moi difíciles para aquel país, revoltas e guerras permanentes, ditadores asesinos. A música de Papa Wemba trae lembranzas de certos tempos da miña vida que non foron os máis felices. E tamén vai unida a un filme que puiden ver no Festival de Cine Independente de Ourense: Macadam Tribu (J. Laplaine, 1996). A banda sonora era de Papa Wemba e cancións como esta titulada Image quedaron para sempre gravadas na miña memoria. 

 

 

 

 

 

 

 

 

Gomez

Reino Unido

 

O pop-rock británico tamén está entre os meus estilos favoritos. Un dos grupos que teño en máis estima é Gomez, a banda do Merseyside. Esta canción optimista, que se titula See The World, apetéceme escoitala cando os ánimos están baixos e parece que non hai moitos alicientes para seguir pelexando. Agardo que a vós tamén vos guste.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Bombay Bicycle Club

Reino Unido

 

A primeira vez que escoitei a este grupo londinense sorprendeume a voz do seu cantante Jack Steadman. A medida que fun coñecendo novos temas funlle collendo gusto á súa música. Perdinlles un pouco a pista pero aínda os teño entre os meus favoritos. 

 

 

This site was designed with the
.com
website builder. Create your website today.
Start Now