O primeiro podcast
Pois si, chegou o día de coller un certo respiro. A verdade é que cheguei fatigado, sobre todo mentalmente. Xa nin sei a cantidade de asuntos de todo tipo que tiven que resolver desde que comezou o curso. Pero non me quero poñer rosmón como é habitual en min.
Trato de extraer satisfaccións de todos os días de traballo. Esas satisfaccións adoitan acontecer na aula, na compañía dos meus alumnos e alumnas. Para min a de hoxe foi velos ilusionados e bastante inquedos por facer un programa de radio ou, como se di nos actuais tempos dixitais, un podcast.
Apréndese moitísimo cunha actividade coma esta, polo menos estas cousas esenciais:
Perder o medo a falar en público (ou intentalo)
Traballar en grupo e organizar os tempos de cada membro do grupo
Deseñar e planificar o que se vai dicir
Desenvolver a creatividade e a capacidade de improvisar
Mellorar a expresión oral, a tonalidade, a vocalización, etc.
Coñecer a aplicación práctica das novas tecnoloxías
Na escola que eu vivín de neno a linguaxe oral estaba case esquecida, só importaba o escrito, que era o único medible e avaliable. Traballabamos a caligrafía e a ortografía, nin sequera a escritura creativa. A escola de hoxe aspira a ser outra cousa ben diferente.
Quero facer máis podcasts durante o que queda de curso. A ver se os animo a repetir. Eu creo que si van querer. Aquí está a ligazón ao primeiro podcast do grupo, unha especie de ensaio.
Podcast: Especial de Nadal 2014