O método de Carolina
Non se fala doutra cousa na clase. A historia de Carolina chamou tanto a atención que case todo o mundo correu a contala na casa a mamá e a papá. Carolina é o nome dunha nena canaria de segundo de primaria a quen un día se lle ocorreu unha maneira diferente de calcular a resta. O seu mestre tomou nota e desde entón explica esta maneira como o método de Carolina.
Este mestre, chamado Antonio Martín, está empeñado en cambiar o xeito no que os profesores ensinamos as matemáticas desde o ensino infantil ata a secundaria. Defende que hai xeitos máis naturais e eficaces que os que empregamos tradicionalmente. Ten unha canle en Youtube na que vai publicando videos coas súas opinións e explicacións.
Sempre convén ter a humildade suficiente para aprender dos cativos. Tamén, como mestre que eu son, resulta esencial renovarse e actualizarse, ter curiosidade infinita por outras formas e técnicas. O oficio de mestre é un dos máis complicados. Sempre tes a sensación de que non chegas.
Por isto, estes días na aula estamos a sacarlle rendemento ao método de Carolina, que verdadeiramente é moi sinxelo. Xa outros mestres me están a preguntar por el. Pouco a pouco vaise correndo a voz. No video podedes atender a explicación que dá o profe Toni Martín, con ese acento canario seu tan chamativo para nós. Quedámonos coas súas sabias palabras:
"Nunca es tarde para aprender si uno tiene ganas y deseo".