Fóra de sitio


Substituír a un compañeiro e ir unha hora a outra aula é quizais a maneira máis rápida de comprobar como de afeito estás ao teu grupo de alumnos e, ao mesmo tempo, canto de habituados están os teus alumnos ás túas formas de ensinar. Estás fóra de sitio. Hoxe tiven esta sensación cando acudín a cubrir a falta dunha compañeira, titora en primeiro de primaria.

Tiñan tarefas para facer, sobre algúns animais, pero eu levaba un libro na man, de pastas duras e cuns debuxos e letras grandes na portada. Tratei de ensinalo en alto pero o balbordo era continuo. Un grupo de nenos non respectaba o turno para falar e o resto miraba resignado amosando unha tímida curiosidade. No pouco tempo que me deixaron, puidemos xogar un pouco con este libro de ilustracións titulado Antes y despúes, creación de Ann-Margot Ramstein.

O concepto do libro é moi interesante e resulta moi aproveitable na aula como xogo de secuenciación, de debate ou de adiviña. Eu tapaba unha das partes do debuxo e os rapaces tiñan que adiviñar o que aparecía no outro lado. Nunha folla aparecía unha vaca. Preguntei pola seguinte. "Un touro!", dicía un. "Un tenreiro mamando da nai!" contestaba o outro. Ao descubrir a seguinte páxina, antes cuberta pola cartolina, observábase unha botella de leite. Outra forma de xogar sería a alterna, é dicir, amosar a consecuencia e preguntar pola orixe. E así, cando apareceu unha ovella nun pasto xa todos imaxinaban que era a la o que se agochaba na seguinte páxina.

#escola #libros #ilustracións

1 vista

Entradas Recientes

Ver todo

Pai e mestre

"Como no eres padre, no entiendes lo que son los niños". Nos case vinte anos que levo na profesión escoitei esta frase máis dunha vez, algunha delas proferida con verdadeira mala fe. Agora son pai e e

This site was designed with the
.com
website builder. Create your website today.
Start Now