Cambio de rumbo
A xente que me fala estes días di que camiño máis erguido, máis dereito, que se me ve máis novo e con mellor aspecto. Supoño que esaxeran, pero o certo é que vivo uns días nos que atopei algo do acougo perdido hai catro anos. En poucas semanas deixarei de ser director do colexio por vontade propia. É tempo de que outros compañeiros asuman as responsabilidades que conleva este cargo tan pouco agradecido.
A min tócame agora cambiar o rumbo da miña vida profesional. Vou dedicarme á docencia durante máis horas lectivas, levar a cabo as funcións de titor ao cento por cento e por suposto colaborar en calquera proxecto de dinamización que se poña a funcionar. Din que a experiencia vale ouro e eu adquirín algunha nestes anos. Todas as historias teñen o seu remate, a miña está a piques de concluír cando acabe o mes de xuño. Xa bulen na cabeza novos proxectos, novas ideas, novas tarefas nas que ocupar o tempo. E entre elas tamén hai un espazo para esta miña web, da que quero sacar maior proveito para min e para os meus lectores.