Un intruso na nosa escola
Non podía pasar esta semana sen a necesidade de reflexionar sobre as probas de avaliación individualizada que tiveron que facer os nenos e nenas de terceiro de primaria os pasados días 27 e 28 de maio. Primeiro sexamos rigorosos. Non son reválidas. Para seren reválidas tiñan que ser definitivas e decidir quen pasa ao seguinte nivel. Xa ten bastantes pegas a cousa e non precisamos de engadirlle artificialmente ningunha máis.
Estas probas son innecesarias. Os mestres e mestras traballamos cun grupo de alumnos durante un ano enteiro, día a día. Sabemos mellor ca ninguén dos seus avances, das súas dificultades, das axudas que precisan en cada momento. Coñecemos as súas circunstancias persoais e familiares, o estado de ánimo polo que atravesan, os seus puntos fortes e os seus puntos febles. Ningún cadernillo chegado por correo a mediados do mes de maio pode substituír ese labor. Estas probas son intromisións inaceptables e finalmente desconfianza nos mestres. Unha nena de dez anos díxome estes días con toda a razón: "No confían en vosotros".
Pero ademais ocasionan un nivel de estrés e preocupación que por un lado afecta a alumnado de tan só 8 ou 9 anos e que polo outro, froito dese estrés, teñen pouco valor como resultado final fiable. Nun ambiente máis relaxado, menos ríxido, os mesmos nenos e nenas son capaces de resolver as mesmas tarefas.
Nisto dos tests estandarizados confesámonos seguidores de Alfie Kohn, un educador norteamericano que lidera a loita contra a reforma educativa naquel país. Non hai libro que non caia nas nosas mans. Nestes días estou a ler con moita paixón e certo asombro, polo que ten de premonitorio, o seu breve ensaio titulado O caso contra as probas estandarizadas (The Case Against Standardized Testing, 2000) e nel recóllese moito do que vai pasar no noso país desde esta mesma semana. O primeiro risco que temos que evitar é caer nun ensino empobrecido no que se trate máis de preparar tests que de guiar programas educativos que involucren creativamente ao alumnado. Temos un dilema e a ver como o resolvemos.
