Sempre aprendendo
Xa consumimos a primeira semana de actividade lectiva no ensino primario e quizais sexa o momento de facer algunhas reflexións. No plano persoal estou vivindo un cambio moi relevante. Deixar a dirección da escola na que traballo foi un respiro necesario, unha recarga de enerxía, unha urxencia vital. Agora teño que ocuparme do que verdadeiramente me interesa: a educación e o benestar dos nenos e nenas que teño ao meu cargo.
Este ano asumo a responsabilidade de coordinar o equipo de xestión da biblioteca escolar e hai moito traballo por diante. A tarefa é enorme. Non hai opción a aburrirse. Na aula estou moi satisfeito e ilusionado. A xente que me coñece di que teño mellor aspecto.
Pensei que era o momento de introducir máis cambios na miña práctica diaria. Modifiquei a estrutura física da aula reorientando ao alumnado cara ao encerado dixital. Adquirín algúns adaptadores para captar a rede wifi do colexio, conectar o iPad ao ordenador e bifurcar o sinal de vídeo. O alumnado está colocado formando un L coa finalidade de que poidan interactuar á vista uns dos outros. Noutro espazo da aula situei varias mesas equipadas con ordenadores para realizar investigacións. Hai moito camiño por diante. O importante é comezar con gañas e enerxía. Cada día de vida é un regalo. Isto é algo que aprendín hai xusto un ano. Propóñome falar e facer menos para que o meu alumnado fale e faga máis.