Aquelas regretas da infancia

As pezas acababan sempre espalladas por todos os recunchos da casa, sobre todo as peciñas máis pequenas, claro está. Medrar nunha familia de mestres é o que ten, que a casa era ás veces a primeira escola. Durante a miña infancia as regretas de Cuisenaire eran un recurso didáctico habitual nas aulas de matemáticas. Pero eu non recordo utilizalas na escola senón na casa. Hoxe en día que estamos todos moi ocupados en parecer máis modernos ca ninguén, falar de regretas parece como contar vellas batallas inútiles, lembranzas de tardes de monotonía tras os cristais, como dicía o poeta andaluz. Pero estes simples listóns de dez cores diferentes son unha verdadeira ferramenta que axuda a mellorar o cálculo mental. Só hai que darlles unha oportunidade.
Xa temos falado dos algoritmos tradicionais e dos algoritmos alternativos (por poñerlles un nome). As regretas axudan a afianzar, dunha maneira visual, o concepto de números complementarios, eses que sumados dan dez e que tan útiles son para descompoñer os números naturais (9+1, 2+8, 7+3...). A descomposición dos números debería ser o paso previo ás operacións aritméticas básicas e aí as regretas veñen na nosa axuda. Só fai falla ter personalidade, saber distinguir o vello do caduco, e levalas á aula con fe. Así vou facer eu, aínda que sexa nun grupo de sexto de primaria. Xa contarei como vai a cousa.