Cooperar para aprender, aprender para cooperar
Hai uns días asistimos en Pontevedra á charla inicial do curso de aprendizaxe cooperativa no que nos inscribimos gran parte dos mestres do meu colexio. O responsable do proxecto é José Ramón Lago, un profesor galego da Universidade de Vic. Lago transmitiu con moita paixón os principios básicos desta metodoloxía emerxente. Cre no que di. Definiu moi ben o compromiso ético coa diversidade nas aulas e desde un realismo ben recibido, admitindo xa de inicio as dificultades que se presentan a quen queira aplicar este método, foi detallando as bases teóricas do proxecto. Confesamos quedar contaxiados dese entusiasmo, aínda que a magnitude do cambio asusta e non podemos negar que condiciona as nosas expectativas de éxito. Introducir a aprendizaxe cooperativa é mudar por completo o noso xeito de entender a escola e a nosa forma cotiá de traballo. Supón mover da zona de confort non só o profesorado senón tamén o alumnado e as súas familias. Eu, como adoito facer nestes casos, xa me fixen con algo de bibliografía para poder ir ler de tempo en tempo e para aprender máis sobre este asunto. O que pasa é que o día só ten 24 horas.