Optimistas vs. Pesimistas
Ultimamente é moi habitual que os debates educativos nos medios de comunicación se diriman desde esta perspectiva enfrontada: os optimistas contra os pesimistas. Os optimistas só falan de emocións e de motivación, están en contra da escola tradicional, os deberes, os exames, etc. Aborrecen a disciplina e soñan cunha escola diferente a que eles viviron de pequenos. Os pesimistas teñen unha teoría da aprendizaxe totalmente oposta. A súa palabra favorita é esforzo. Din que sen el non se aprende, que o mestre non pode ser un paiaso e que a escola non é un circo.
Modestamente, creo que son dúas posturas que hai que superar dunha vez. Por un lado os mestres non podemos seguir obviando a importancia das emocións no noso alumnado, a parte humana é esencial no noso traballo. Tampouco podemos seguir facendo como se non existise a motivación. Todo o que facemos na aula e ten consecuencias no nivel de motivación do alumnado ten que ser tido en conta. Eu considero que os "deberes" no ensino primario non aportan nada positivo e si afectan ao grao de motivación dos nenos, condicionan algo tan sensible e fundamental como é o gusto por seguir aprendendo. E iso é demasiado importante como para xogar con elo.
Pero por outra banda é igual de certo que non todo o que acontece na escola pode ser entretido e divertido. Hai aprendizaxes importantes que son arduas e esixen unha disposición activa do alumnado, unha mobilización incómoda dos seus recursos. Como facer que todos os nenos e nenas poñan en xogo as destrezas necesarias e venzan a preguiza? Creo que o mestre debe construír unha relación co alumnado baseada na confianza e na credibilidade, no apoio permanente, na axuda esixente. E penso tamén que as familias deben participar moi activamente nesa relación, fomentando o sentido de compromiso ao mesmo tempo que se ofrece apoio e comprensión. Temos que conseguir que os nosos nenos crean en nós, que crean na importancia do que estamos querendo que aprendan. Esa relación só se constrúe con afecto e con honestidade.
Outro día falarei do "esforzo", esa palabra que anda na boca de tanta xente seria.