Un máis
Os mestres adoitamos dar por finalizados os anos ao chegar o 30 de xuño. Para nós é moito máis significativo. Nada de 31 de decembro. Cada 30 de xuño significa un máis (ou un menos) na carreira profesional da vida. Do mesmo xeito, o 1 de setembro é o inicio dunha nova andaina, desta roda que non para e que sempre recomeza, con novas caras e novas ilusións.
Cando xa levas uns anos dedicado a isto, comezas a mirar cara atrás con dúbidas. Fas esforzos por lembrar o nome daquel rapaz ou daquel mestre co que compartiches colexio. Xuntámonos os mestres estes días e sempre acabamos falando igual, coa nostalxia dos anos, con certa resignación e con algo de temor. Os anos pasan cada vez máis rápido.