Por que facemos o que facemos?
Sempre que chegan estes primeiros días de xullo, con máis tempo libre, adoito coller un libro que para min é como unha biblia da psicoloxía: Why we do what we do? (Por que facemos o que facemos?), de Edward L. Deci.
Aí teño aprendido eu moito sobre motivación e intelixencia emocional. Este libro axúdame a entender a psicoloxía non só dos adultos senón dos nenos, que non son tan distintos e que para min son o máis importante da sociedade.
Ás veces releo parágrafos enteiros, subliño ideas e trato de lembrar o que xa esquecera desde o ano anterior. Hoxe mesmo reparei nunha frase moi significativa e que explica moitas cousas das que acontecen a diario na miña aula: "Allow yourself to fail and you will be more likely to succeed" (Permítete a ti mesmo fallar e terás máis posibilidades de triunfar).
Pois canto máis obsesionados esteamos por facer algo ben, por non defraudar a papá, a mamá, ao profe; por non quedar en ridículo diante dos compañeiros, menos posibilidades teremos de ter éxito. Só hai éxito cando lle damos antes unha oportunidade honesta ao fracaso. O camiño do éxito está cheo de fracasos e parece que aínda non nos queremos decatar delo.
