Recompensas con efectos secundarios
Eu son dos que opinan que un dos maiores obstáculos para a verdadeira aprendizaxe son as chamadas notas ou cualificacións (nada que ver coa avaliación). Especialmente perxudicial é a consideración social que estas teñen. Doe no corazón ver como eses numeriños nun papel, que apenas sinalan nada, se convirten na medida oficial de comparación entre nenos, curmáns e veciños. Non se adoitan considerar como información relevante para a mellora individual. O certo é que non poden ser consideradas así porque non proporcionan información certa. Ao final non deixan de ser máis ca medallas para que os papás e as mamás, as avoas e os avós, se sintan orgullosos e presuman dentro do seu círculo familiar e de amizades, algo devastador para a motivación e a autoestima dos seus fillos e fillas, netas e netos.
Topei hai días con este anuncio que demostra ben ás claras como son tomadas en conta as notas, logros máis que información, como razón para premiar (ou castigar). Finalmente o que transmitimos aos pequenos é que aprender non é suficiente recompensa, que aprender, estudar, exercitarse é algo tan arduo e aburrido que precisamos ser "motivados" con alicientes extra. En lugar de transmitir a paixón por saber, por crecer e mellorar, por abrirnos ao mundo das ciencias e das letras, facemos ver que iso ten que ir acompañado de edulcorantes porque se non non hai quen o faga. Despois sorprenderanos a falta de motivación interna dos rapaces.
