Preguntas frecuentes

Curso 2018-2019

AVALIACIÓN

Cales son os criterios que se van a aplicar para a avaliación do meu fillo?

Os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe son os que figuran no decreto do currículo do ensino primario (DOGA do 9 de setembro de 2014). O titor adapta, pondera e temporaliza eses estándares de aprendizaxe.

Que son os estándares de aprendizaxe?

Os estándares de aprendizaxe (EA) forman parte do currículo e son unha serie de indicadores que sinalan o que un neno dese nivel e etapa ten que saber ou saber facer. Por exemplo, na área de matemáticas para quinto de primaria hai 55 estándares, un deles é o MTB2.6.5: Calcula todos os divisores de calquera número menor de 100. 

Escoitei que agora o ensino é por competencias. Que quere dicir isto?

Desde a Unión Europea estase a impulsar desde hai anos un cambio de paradigma no sistema educativo pensado en orientar ao alumnado máis cara a aplicación dos saberes adquiridos que á acumulación destes. A LOE e a LOMCE insisten nesta transformación e inclúen sete competencias que se consideran clave (ver páxina de currículo). Na aula isto ten como consecuencia a realización de actividades que combinen diferentes destrezas relacionadas con diferentes áreas curriculares.

Con que frecuencia vai ter o meu fillo exames destas materias?

O decreto tamén afecta aos instrumentos de avaliación. Promóvese o uso de instrumentos variados, non só o clásico exame de preguntas e respostas. Utilizaremos xa que logo métodos como a avaliación de investigacións, producións orais, producións dixitais, portfolios, listas de control, escalas de observación, etc. Cada estándar de aprendizaxe precisa ser avaliado dalgunha destas maneiras.

Os exames que faga meu fillo van ter cualificación numérica?

Non, apostamos por unha avaliación máis cualitativa que descubra os puntos fortes e os puntos febles e que sirva de orientación cara o futuro. As notas numéricas no ensino primario son innecesarias e perxudican máis que axudan.

Podo consultar as probas que se lle pasen ao meu fillo?

A lexislación actual recolle o dereito dos pais a consultar as probas efectuadas polos seus fillos. Pola nosa parte, se temos autorización, imos utilizar a plataforma educativa Agueiro para enviar copias escaneadas destas probas. É posible tamén consultalas co titor no horario habitual de atención a nais e pais.

O meu fillo vai recibir cualificacións pola súa libreta de aula?

Non, baixo o noso punto de vista, a libreta de aula é unha ferramenta de experimentación para tomar notas, probar, subliñar, planificar, facer mapas mentais, conexións con outras ideas, deseñar borradores, etc. Consideramos que o que debemos avaliar son os traballos elaborados a partires das ideas recollidas nas libretas, non as propias libretas. Os cadernos poden ser valorados polo mestre, que pode proporcionar suxerencias de mellora, pero non serán obxecto de cualificación.

COMUNICACIÓN CO TITOR

Cando podo falar co titor do meu fillo?

Calquera martes lectivo entre as 16 e as 17 horas na propia aula.

Debo concertar cita previamente ou podo ir sen avisar?

Convén pedir cita con anterioridade para asegurarse de que non hai outra familia citada. Ademais, a cita previa, se é con tempo, permite ao titor recabar información do profesorado especialista.

Como concerto unha cita previa?

Hai varias maneiras: chamando ao colexio (886 15 18 98), a través da rede Abalar ou por medio dun correo electrónico dirixido a davidpaznovoa@yahoo.es 

Teño outras maneiras de comunicarme co titor?

Si, a través do correo electrónico xa proporcionado.

OS DEBERES

O meu fillo vai ter deberes para facer na casa?

Non, agás algunha lectura puntual e algunha proposta para investigar voluntariamente, non haberá deberes tal como se adoitan entender. As tarefas e actividades "obrigatorias" faranse na aula durante o tempo lectivo.

Significa isto que non debe facer nada na casa relacionado coa escola?

Non. Convén sempre que lea e repase os contidos que tratamos cada día na aula para lembrar e detectar as súas dúbidas, que poderá comunicar ao mestre inmediatamente. Tamén debería dedicarlle tempo á lectura por pracer, a investigar, elaborar proxectos interesantes, debuxar, etc. O tempo de xogo tamén é necesario.

XUSTIFICACIÓN DE AUSENCIAS DO ALUMNADO

Teño que xustificar as ausencias á clase do meu fillo ou filla?

Si, o ensino primario é obrigatorio. Por tanto as ausencias deben ser xustificadas pola nai ou polo pai do alumno, ou, no seu caso, polos titores legais do alumno.

Como xustifico unha falta de asistencia do meu fillo?

O día que o alumno regrese a aula levará para casa un pequeno xustificante que a nai ou o pai deberá cubrir e devolver asinado o antes posible ao titor do seu fillo. No xustificante constará o nome do alumno, as horas lectivas de ausencia e os motivos da falta. Convén adxuntar calquera documento que acredite o motivo da ausencia (xustificante médico, deberes inescusables, etc.).

A Xunta ten un rexistro das faltas do meu fillo?

Si, existe unha aplicación informática na que os titores debemos rexistrar tanto as faltas de asistencia xustificadas como as non xustificadas.

Non xustificar as faltas ten consecuencias?

Si, e moi importantes. O Protocolo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia sinala que se considerará absentismo a falta non xustificada dun alumno durante como mínimo o 10 por cento do tempo lectivo mensual. Isto equivale a tres días de clase. De non xustificarse debidamente a falta poderase abrir un procedemento regulado polo devandito protocolo (capítulo 5).

This site was designed with the
.com
website builder. Create your website today.
Start Now